Comercios que dispoñen dos descontos para o Cine en galego en Cinebox Vialia

A Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra organiza un ano máis o programa Maio, Mes da Lingua, que no 2012 chega a súa oitava edición.

Unha das actividades máis destacadas é o Cine en galego, para o que os comercios que forman parte activa da campaña Proba en galego dispoñen de vales desconto, sobre o prezo da entrada en billeteira, para as dúas películas que se van proxectar en CineBox Vialia:

Tamén a chuvia (3,10 e 17 de maio, ás 22 h)

Engurras (17 de maio, ás 17 e 19 h)

Dentro desta programación de cine en galego proxectaranse outras peliculas no Teatro Principal, con entrada libre ata completar aforo:

Pa negre (9 de maio, ás 21 h)

Vikingland (29 de maio, ás 21 h)

A pedra do lobo (31 de maio, ás 21 h)

Os comercios que dispoñen destes vales son:

  • Dicenfot fotografía. Rúa Cruz Gallástegui, 1
  • Enot. Centro de ensino. Rúa dos Ferreiros, 22, baixo
  • Ernesto Filgueira. Praza de Méndez Núñez, 17
  • Estouche Ben! Centro de terapias. Rúa Xosé Millán, 2
  • Libraría Paz. Rúa Peregrina, 29
  • O Cisne ultramarinos. Rúa Real, 15
  • Olbe Téxtil. Rúa Santa Clara, 10
  • Peral Moda. Praza de Curros Enríquez, 14
  • Quercus. Rúa da Seca, nº 18, baixo

Remate das charlas

PROBA EN GALEGO
Presentación do proxecto «Abertos ao galego» da Mesa pola Normalización Lingüística
Martes 24 de abril, ás 21 horas
Colexio de Xestores Administrativos (Blanco Porto, nº 9)

As actividades da campaña Proba en galego, de promoción do galego no comercio local, rematan coa presentación do proxecto Abertos ao galego, que A Mesa desenvolve para promover o uso do galego no ámbito empresarial. Carlos Callón, o presidente da asociación, será o encargado de explicar o proxecto. 

Abertos ao Galego colabora coas empresas que apostan pola nosa lingua, sendo unha ferramenta para o apoio e promoción da actividade empresarial. Mais Abertos ao Galego tamén constitúe un espazo para a reflexión sobre as potencialidades do galego no ámbito económico e sobre o papel dos consumidores e das consumidoras na potenciación da lingua galega.

Por outra banda, en Abertos ao Galego hai espazo para empresas moi diversas e de ámbitos moi diferentes, o que permite crear unha rede de colaboración, que conta co asesoramento e a colaboración da Mesa pola Normalización Lingüística, unha entidade con máis de 25 anos experiencia no ámbito da dinamización lingüística. 

Roberto Rivas (Adega Moraima). Experiencia práctica de uso do galego

Martes 10 de abril, ás 21 horas

Colexio de Xestores Administrativos (Blanco Porto, núm. 9)

Roberto Rivas é licenciado en Historia e viticultor desde hai moitos anos. É o presidente da Asociación Galega de Viticultura e forma parte da sociedade cooperativa Viña Moraima.

Esta é a cooperativa máis pequena da denominación de orixe Rías Baixas, e tamén é a máis nova (2006) das 11 adegas asociadas na zona de Barro. Está formada por pequenos produtores que facían viño de cepas centenarias e que se agruparon para pasar ao sector elaborador.

O seu non é só un proxecto económico, senón que tamén buscan a revitalización da viticltura no concello de Barro. A filosofía da empresa é primar a calidade sobre a produción nas dúas marcas que comercializan: Moraima, en homenaxe ao poema de Celso Emilio Ferreiro (o seu proxecto tamén é unha historia de amor á lingua, á terra e á viticultura) e Aba de Trasumia, que veñen de crear este ano.