Acto de sinatura dos compromisos da campaña Proba en Galego 2013

O Pazo de Mugartegui acolleu onte pola noite o acto de sinatura pública do decálogo de compromisos coa lingua de trinta comercios e pequenas empresas de Pontevedra.

Os obxectivos da campaña Proba en Galego son:

• Dinamizar o uso do galego como lingua normal de comunicación no comercio e na pequena empresa
• Implicar as persoas que traballan no sector do comercio e da pequena empresa na mellora do uso do galego coa clientela e coas empresas provedoras
• Ofrecer espazos de reflexión e traballo para mellorar a calidade da lingua e a seguridade no seu uso no sector
• Estimular a clientela falante de galego para que manteña a súa lingua nas relacións comerciais
• Animar a clientela que non fala galego habitualmente a que probe a facelo
• Facer visible o uso da lingua galega nas relacións comerciais que se establecen na cidade
• Darlles continuidade ás campañas específicas para incrementar o uso do galego no comercio local e na pequena empresa

 

I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego do Concello de Santiago de Compostela

O Concello de Santiago vén de convocar o I Concurso de Proxectos de Publicidade Comercial en Galego. Os obxectivos da convocatoria son promover o uso do galego na comunicación do sector socioeconómico compostelán e engadir valor e rendemento ás iniciativas publicitarias a través da intervención dos profesionais do deseño e da aplicación da creatividade e da innovación aos soportes e ao seu contido.

A convocatoria está aberta a empresas ou profesionais do deseño e da comunicación. Podedes consultar as bases neste web:

http://santiagodecompostela.org/lingua/concurso_publicidade_comercial/

Agardamos que esta información sexa do voso interese. Animádevos a participar!