30 empresas de Pontevedra asinan un decálogo de compromisos coa lingua galega

Hoxe, ás 12 horas na casa do concello, asinan un decálogo de compromisos coa lingua galega parte das trinta pequenas empresas de Pontevedra que participan activamente na nova iniciativa da campaña Proba en galego!.

O documento que se asina hoxe implica asumir os seguintes compromisos nas relacións comerciais:

  1.  O galego será a lingua empregada nos avisos, por megafonía ou escritos, e carteis temporais que precise o negocio a partir da data de sinatura deste documento.
  2. No comercio comezarán a atención á clientela en galego, para poñer en práctica a oferta positiva á que fai referencia o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega.

  3. Participarán na campaña de publicidade en radio, cun paquete de 60 cuñas co texto íntegra e exclusivamente en galego. As cuñas levarán a sinatura final “Proba en Galego”.

  4. Realizarán en lingua galega, como mínimo durante os vindeiros 6 meses, o resto da publicidade do comercio.

  5. Solicitaranlle á xestoría que asesora o comercio o uso da lingua galega nas súas relacións comerciais.

  6. Utilizarán a lingua galega nas relacións profesionais do comercio coas empresas provedoras e auxiliares.

  7. Demandarán de todas as administracións públicas documentos e atención en lingua galega, para todos os trámites administrativos que teñan que ver coa empresa.

  8. O persoal que traballa no comercio levará un cartón de cortesía que, coa imaxe da campaña “Proba en galego”, servirá de presentación e de convite a utilizar o galego.

  9. Participarán no blog “Proba en galego”, específico para esta campaña.

  10. Os/as representantes dos comercios asinarán publicamente o compromiso coa lingua galega que forma parte da campaña “Proba en galego”.

Ás primeiras empresas que forman parte activa da campaña desde 2011 estanse a sumar novas firmas comerciais. O grupo que asina hoxe os compromisos está formado por: Ábaco (mobiliario e interiorismo), Casa Baños, Centro de ensino ENOT, Deportes GoleadaDicenfot, EraComunicación, Ernesto Filgueira, Estouche Ben!, A Formiga no Carreiro, Gaia Animación, Libraría Paz, Librería Depapeis, Lourdes Sampedro (lencería), Olbe Téxtil, Olga Otero (zapatería), Peral Moda, Quercus (armarios e vestidores), Rocío Fazanes (boutique), Tapicería Tranchero, Ultramarinos O Cisne e Volvoreta (moda infantil).

Proba en galego é unha campaña da Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra para dinamizar o uso do galego na pequena empresa e no comercio locais. Esta nova iniciativa dálle continuidade ao labor que desenvolve o Concello de Pontevedra para visibilizar e incrementar o uso da lingua galega na pequena empresa, con actuacións específicas que se veñen realizando desde o ano 2006.

3 reflexións sobre “30 empresas de Pontevedra asinan un decálogo de compromisos coa lingua galega

  1. Pingback: Trinta empresas de Pontevedra explicitan publicamente o seu compromiso co galego

Os comentarios están pechados.