Remate da primeira fase da campaña Proba en Galego 2013 e comezo da segunda

Vén de rematar a primeira fase da campaña Proba en Galego na que participan 30 comercios e pequenas empresas de Pontevedra que asinaron, no mes de marzo, un decálogo de compromisos coa lingua galega.

Estes compromisos están estruturados en tres bloques que se desenvolverán ao longo do ano; na primeira fase consistiron en:

  • utilizar do galego nos avisos, por megafonía ou escritos, e nos carteis temporais que precise o negocio;

  • atender á clientela de entrada en galego, para poñer en práctica a oferta positiva á que fai referencia o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega;

  • participar na campaña de publicidade en medios locais. Os espazos publicitarios levarán a sinatura final “Proba en Galego”;

  • usar unha tarxeta que sirva de presentación cara ao público de cada empregado/a, e que coa mensaxe “proba a falarme en galego” convide á clientela ao uso activo da lingua;

  • empregar o blog da campaña para inserir novas relacionadas co uso do galego nos comercios.

As empresas e comercios que se comprometeron a cumprir estas premisas participaron nunha campaña de publicidade no xornal dixital Pontevedra Viva. Para xustificar estes compromisos as empresas achegaron fotos, gravacións, carteis, anuncios, etc.

Durante o verán desenvolverase a seguinte fase da campaña, que dará acceso á publicidade nas pantallas led situadas nas rúas do centro da cidade. Á vez, os comercios e pequenas empresas ampliarán os seus compromisos coa lingua; ademais de manter os da primeira fase, realizarán en lingua galega, como mínimo durante o ano que dura a campaña, o resto da publicidade do comercio e solicitaranlle á xestoría que os asesora o uso da lingua galega nas relacións comerciais.

Entra en Quen somos? Para coñecer as firmas comerciais que participan en Proba en Galego.