Hoxe, ás 21 horas, comezan as actividades de Proba en galego

Valentina Formoso Gosende ofrecerá hoxe unha conferencia na que analizará a situación actual do galego no sector do comercio. O acto, a partir das 21 horas no Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra, está aberto ao público aínda que está especialmente dirixido á persoas que traballan no ámbito do comercio local e da pequena empresa.

Durante o relatorio, Valentina Formoso analizará, desde a súa experiencia persoal como investigadora, os problemas e prexuízos que pexan o uso do galego no comercio, así como as vantaxes e estratexias que levan a moitas empresas a empregaren a lingua galega como lingua de atención á súa clientela. 

Esta conferencia abre un ciclo de actividades que a Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra programou como resultado das demandas formuladas no grupo de traballo da campaña Proba en galego, que busca promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa.

Valentina Formoso traballou no Servizo de Normalización Lingüística da Confederación de Empresarios de Galicia en Santiago de Compostela en tarefas como a dinamización do uso da lingua ou a elaboración de vocabularios. Realizou un extenso traballo de investigación sobre o uso do galego nas empresas que serviu de base para a súa tese de doutoramento A lingua galega no ámbito empresarial: usos e representacións sociolingüísticas, presentada no ano 2005. Ademais, é autora de artigos como “Apuntamentos sobre a lingua galega na empresa no século XX” (Madrygal, 2004) ou “Propostas de dinamización relacionadas coa economía e a empresa” (Madrygal, 2010).

Xoves 16 de febreiro/ 21.00 horas/ Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra (rúa Blanco Porto, 9, 1º andar)