Apuntamentos sobre a charla de Valentina Formoso

Onte tivemos a primeira actividade pública do grupo de traballo para a dinamización do galego nas relacións comerciais e empresariais. Estivo connosco Valentina Formoso porque elaborou a súa tese de doutoromento cunha investigación sobre estes asuntos.

Ela falounos da situación actual do galego no comercio. Non se limitou a apontar datos fríos, senón que estivo a valorar e explicar cales son as causas que nos conduciron a que no noso sector haxa unha presenza cativa da nosa lingua e analizou para nós as principais eivas das políticas lingüísticas desenvolvidas na Galiza ata o de agora.

Puxemos argumentos e experiencias en común e deixounos algunhas reflexións moi interesantes a respecto dos beneficios da promoción do galego nas relacións comerciais. Mesmo tivo a deferencia de nos deixar un traballo escolar do seu alumnado do IES Félix Muriel no que figuran apuntamentos tan interesantes como estes:

Por que introducir o galego na empresa?

  1. Porque vender en galego distingue positivamente as empresas galegas dos seus competidores xa que identifica o produto coa súa comunidade de orixe.
  2. Porque etiquetar en galego é marca de calidade: non é o mesmo xouba ca sardinilla.
  3. Porque os rótulos en galego identifican as empresas como autóctonas e isto transmite confianza na clientela.
  4. Porque en Galiza practicamente o 100% dda poboación entende o galego.
  5. Porque para a poboación española o galego escrito é facilmente comprensíbel e dálle autenticidade ao produto ou ao servizo.
  6. Porque o galego abre mercados no Brasil e en Portugal.