Obradoiro Por que non en galego? A utilidade no comercio. Mañá, martes 28 de febreiro

Mañá, martes 28 de febreiro, terá lugar o obradoiro Por que non en galego? Percepción da utilidade lingüística no comercio. A asistencia está aberta a todas as persoas interesadas que traballan na pequena empresa e no comercio local.

A sesión, dunha hora de duración, abordará os prexuízos e estereotipos asociados á lingua galega e ao seu uso no ámbito das relacións comerciais. O obradoiro será participativo, cun enfoque lúdico; a través de xogos de rol as persoas que asistan á sesión poderán enfrontarse a diferentes situacións que se dan a cotío arredor do uso do galego. A resolución das situacións traballaranse por medio de debates e postas en común.

Este obradoiro terá continuidade na sesión progrmada para o 13 de marzo, baixo o título Estratexias e boas medidas para tratar situacións complexas. Ambas as dúas sesións estarán impartidas por Reverso Comunicación, Cultura e Lingua, unha empresa especializada na formación e na creación de contidos dentro do ámbito da normalización lingüística.

Esta actividade formativa encádrase dentro do calendario de eventos organizados pola Concellaría de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra, en colaboración co grupo de traballo da campaña Proba en galego, que busca promover o uso do galego no ámbito do comercio e da pequena empresa.

As charlas, presentacións e obradoiros teñen como obxectivo principal incidir na normalización do uso do galego no sector do comercio e da pequena empresa. Ao longo das 6 sesións analizarase e reflexionarase sobre as vantaxes do uso do galego nas relacións comerciais e empresariais; ademais, presentaranse estratexias e boas prácticas para mellorar a comunicación coa clientela e coas empresas colaboradoras.

A asistencia estará aberta ás persoas do ámbito do comercio e da pequena empresa. Pódese consultar o calendario completo de actividades aquí: Proba en galego. Programa de actividades de febreiro a abril de 2012

Máis información: Concello de Pontevedra. Servizo de Normalización Lingüística. Rúa dos Churruchaos, núm. 2, 3º andar. Teléfono 986100185, extensión 7041 normalizacionlinguistica@pontevedra.eu

Martes 28 de febreiro, ás 21.00 horas, no Colexio de Xestores Administrativos de Pontevedra (rúa Blanco Porto, 9, 1º andar)

 

Unha reflexión sobre “Obradoiro Por que non en galego? A utilidade no comercio. Mañá, martes 28 de febreiro

Os comentarios están pechados.